Criterios de admisión

Con carácter xeral, serán admitidos neste Programa os/as solicitantes que teñan cursado con bo rendemento académico (cualificación media igual ou superior a notable) un programa de mestrado en Economía e/ou Empresa que familiarice ó/á estudante cos principais paradigmas teóricos e cos métodos de análise empírico da súa especialización, tendo que acreditar polo menos 6 créditos nos seguintes cursos: Econometría; Microeconomía ou Finanzas; Economía da Empresa de nivel avanzado.

Ademais, poderán ser admitidos no Programa estudantes procedentes doutros programas de mestrado que, a xuízo da Comisión Académica, os/as capaciten para abordar con éxito o Programa. Exemplos desta situación poden ser estudantes procedentes de programas de mestrado en enxeñería, matemáticas ou estatística.
No caso de que o/a solicitante careza da formación previa esixida, a admisión quedará condicionada á superación de complementos de formación específicos.

O criterio de selección dos/as alumnos/as basearase fundamentalmente no expediente académico. Tamén se terá en conta o currículum vitae, e será relevante para a decisión sobre a admisión no Programa unha entrevista co/a candidato/a na que se porá de relevo a súa capacidade para expresarse en lingua inglesa, a súa formación sobre o que implica un programa de doutoramento, e a súa disposición para abordalo. Valorarase moi positivamente que o/a solicitante teña contactado cun/cunha director/a de tese que teña aceptado dirixila..

Os distintos aspectos mencionados concrétanse no seguinte baremo:

1. CV do/a candidato/a (35%). Valoraranse fundamentalmente aqueles aspectos relativos ós estudos de grao e/ou mestrado que pusúa o/a solicitante, así coma as titulacións oficiais, cursos e actividades formativas recibidas e/ou impartidas, e o resto de actividades e méritos contidos no CV que a Comisión Académica (de forma motivada) considere máis idóneos para o desenrolo da actividade investigadora no marco das liñas de investigación do programa. Neste apartado inclúese a opinión do/a posible director/a de tese, en caso de que proceda.

2. Cualificacións obtidas no grao (10%) e/ou mestrado (15%)

3. Formación previa en investigación (10%): Materias de iniciación á investigación e traballo de fin de mestrado, participación en proxectos de investigación ou contratos de investigación

4. Acreditación de coñecemento de idiomas (15%).

5. Experiencia profesional en campos afíns ás áreas de coñecemento do programa e actividade en elaboración e xestión de políticas públicas (15%)